Acerca de

Esta web conxuga o estudo da tradición lírica galego-portuguesa con ferramentas de xeolocalización dixital para crear un espazo interactivo onde os usuarios poidan explorar os lugares mencionados no corpus das coñecidas nos ámbitos académicos como cantigas de romaría ou cantigas de santuario.

A plataforma utiliza o sistema ARcGIS para xeorreferenciar os topónimos convertidos en marco significativo das pezas que integran o corpus e, ademais, proporciona mapas detallados vinculados a contidos visuais e textuais. O recurso inclúe, polo tanto, un sistema de cartografía interactivo que non só permite visualizar os lugares das romarías, senón tamén ler os textos a través da edición seleccionada na base de datos MedDB e ampliar información sobre os autores e as propias igrexas e ermidas.

A localización dos lugares sagrados mencionados nos textos e as fotografías dos mesmos pretenden achegar aos interesados na literatura medieval os espazos reais daquela ‘poesía de santuario’, coa intención de que os visiten e observen a transcendencia de sitios que gozaron dun recoñecemento colectivo e que, co paso do tempo, nalgúns casos o perderon (noutros, conservárono a través dos séculos) para ser só identificados a nivel local e para caer, en ocasións, no esquecemento e no abandono.

Cantigasderomaria.org foi creada no seo do proxecto Lírica Galego-Portuguesa do CIRPH para ser, sobre todo, unha ferramenta docente que promova a aprendizaxe da lírica trobadoresca desde perspectivas de estudo complementarias, xa que nela converxen a xeografía, a arte, a historia relixiosa e as humanidades dixitais. Ademais, aspira tamén a preservar e difundir o patrimonio cultural (material e inmaterial) de Galicia, ao permitir que tanto os especialistas como o público en xeral participen da fruición das cantigas seleccionadas dunha maneira que sería difícil acadar mediante medios tradicionais.

Así pois, o obxectivo principal deste sitio web é aumentar a accesibilidade a un corpus literario caracterizado por trazos senlleiros, que fomentan unha maior apreciación das dinámicas culturais vixentes no occidente da Península Ibérica durante os séculos XIII e XIV. Ao incluír recursos multilingües – en galego, castelán e inglés – e facilitar un contexto visual e xeográfico, o sitio busca dar visibilidade ás cantigas de romaría para sacalas das aulas e achegalas a un público máis amplo do habitual. En definitiva, cantigasderomaria.org desexa ser unha plataforma aberta e en constante movemento para difundir e poñer en valor o estudo da poesía galego-portuguesa.

Estrutura

Cantigasderomaria.org está construída en WordPress. O sitio está aloxado en Lucus Host e ofrece unha estrutura integrada por varios bloques, cada un deles con contido específico:

Introdución: Ofrece unha visión xeral do propósito e alcance do sitio web.

Sobre o corpus: Recolle información básica que introduce aos usuarios no estudo dos textos e dos autores, co fin de que se aprecie a relevancia dos textos e a súa asociación a lugares concretos.

Textos e manuscritos: Ofrece información sobre a compilación do corpus das cantigas de santuario e facilita unha táboa que recolle o nome dos autores, os íncipits das súas composicións e o número das mesmas tanto nos manuscritos B e V como na base de datos da poesía medieval galego-portuguesa, MedDB.

Autores e santuarios: Esta sección, ademais de fornecer a lista de nomes dos autores e os enlaces aos seus textos e ás súas biografías (con poucos datos seguros, na maior parte dos casos), contén mapas interactivos xerados por medio de ArcGIS e xeorreferencia os topónimos do corpus. Está conformada por 312 imaxes , vinculadas ás capelas, ermidas ou igrexas citadas por cada autor. As imaxes dos santuarios son fotografías realizadas especificamente para este proxecto e son de licencia libre con atribución (CC). A identificación dos lugares presentes nalgunhas composicións leva asociada a dificultade da homonimia, que, en gran medida, está ligada a xograres que non deixaron ningunha pegada nas fontes documentais e que, polo tanto, non é posible relacionar con espazos concretos. Nestes casos, a web recolle o grao de certeza na localización proposta conforme á seguinte escala numérica: 1 = alta; 2 = media-alta; 3 = media; 4 = baixa. Sempre que é posible, ofrécese unha breve ficha informativa sobre o santuario proposto como máis probable, se ben non se considerou necesario facer extensiva esa información á catedral de Santiago.

Bibliografía: A web presenta unha bibliografía de referencia para todo aquel que desexe afondar no coñecemento das cantigas de romaría.

Integración con MedDB3

Cantigasderomaria.org está conectada coa Base de datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa MedDB (www.cirp.gal/meddb), un recurso electrónico que pon a disposición dos investigadores e do público interesado na lírica medieval o corpus completo das cantigas galego-portuguesas e que, ademais, proporciona información seleccionada e estruturada que avala a efectividade das buscas, tanto para as composicións como para os datos histórico-biográficos dos trobadores e xograres. Así mesmo, MedDB permite o acceso directo ás imaxes dos manuscritos que transmitiron cada composición. 

A ligazón deste sitio con MedDB permite, polo tanto, que os usuarios exploren autores, lugares e textos para lograr unha mellor comprensión do contexto histórico-cultural dos espazos relixiosos presentados na plataforma. Esta vinculación aumenta o valor académico ao unir fontes literarias e datos de investigación adicionais que se actualizan de maneira periódica.

Xestión de contido e actualizacións

A xestión da web corre a cargo de Juan Escourido, que é o responsable de supervisar as actualizacións e da incorporación de novos materiais. Para calquera consulta prégase escribir a administrador@cantigasderomaria.org