As cantigas de amigo constitúen, xunto coas cantigas de amor e as cantigas d’escarnio e maldizer, un dos xéneros canónicos da lírica galego-portuguesa. O seu corpus textual ascende a máis de cincocentas pezas, transmitidas, principalmente, nos manuscritos B (Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal – Colocci Brancuti, cód. 10991) e V (Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, cód. 4803), mandados copiar en Roma polo humanista Angelo Colocci arredor de 1525 a partir dun códice perdido. Da época de produción dos textos, só chegou á actualidade o famoso Pergamiño Vindel (New York, Pierpont Morgan Library, ms. M.979), datado a finais do século XIII e que, como é coñecido, preservou as sete cantigas do xograr Martin Codax (seis delas acompañadas da correspondente notación musical). Polo número de textos conservados, as cantigas de amigo son o maior corpus de lírica de voz feminina da Europa medieval.
Atendendo aos datos biográficos que se desprenden dos trobadores presentes nos cancioneiros, o xénero comezou a cultivarse cara a finais do século XII (cf. Airas Carpancho e Fernan Rodriguez de Calheiros), e a súa cadea textual continuou de maneira ininterrompida ata a época final do movemento trobadoresco (ca. 1350, cf., por exemplo, os nomes de Estevan Coelho e Estevan da Guarda).
A maior parte das cantigas de amigo preséntanse baixo a forma do monólogo e, en menor medida, do diálogo coa nai, coa confidente ou co propio amigo. As composicións teñen como eixo temático dominante a coita da moza por non poder acudir á cita co amigo ou pola partida ou o afastamento deste, cuxa ausencia prolongada levanta, ás veces, a sospeita da mentira ou a traizón. Porén, un número restrinxido de textos expresan a alegría feminina, que obedece, fundamentalmente, ao regreso do amado. Ademais destes temas habituais, o repertorio poético transmitido ofrece exemplos illados de innovación semántica e outros que dan conta das conexións coa cantiga de amor, ao mostrar unha muller que exhibe o seu poder na relación e que se revela enérxica e mesmo indiferente ante a tristeza do amante.
Desde o punto de vista formal, o xénero privilexia a estrutura da cantiga de refran, xa que as denominadas cantigas de meestria (i.e, as que carecen de retrouso por influencia dos modelos provenzais) ofrecen un índice de frecuencia pouco significativo. Por outra parte, é nas cantigas de amigo onde o paralelismo –ligado en ocasións á técnica do leixapren– presenta un cultivo máis habitual. Así pois, a cantiga de amigo maniféstase como unha experiencia poética variada, xa que nela converxen elementos tradicionais que afondan as súas raíces na cultura pagá e outros marcados pola prestixiosa estética cortés dos trobadores occitanos. Sen dúbida, a voz feminina é o ‘sinal de identidade’ do xénero, o mecanismo discursivo que permite que se enfíen nos textos toda unha serie de temas e motivos que singularizan o enunciado poético.
Cantigas de amigo e cantigas de romaría / santuario
Dentro das cantigas de amigo, hai un grupo de textos compostos por vinte e un poetas que dotaron os seus versos dun selo único ao situalos nunha ermida, santuario ou igrexa. Na maioría dos casos, cada trobador ou xograr menciona un haxiotopónimo propio, que se converte nun signo de autoría que non pasa desapercibido para os expertos na materia nin para os propios lectores das pezas. Como se informa na sección ‘Acerca de’, nos mapas que figuran a seguir aparecen xeorreferenciados os santuarios citados ou evocados neses textos, ao tempo que se inclúen — sempre que sexa posible — as imaxes actuais daqueles escenarios xeográficos que estableceron un vínculo intrínseco entre un autor e un territorio distinguido pola existencia dun peculiar espazo sagrado. Naqueles casos en que o topónimo suscite dúbidas por existir outro(s) homónimo(s), ofrécese en primeiro lugar o punto que, segundo a crítica especializada, ten máis probabilidades de ser o referido nos textos. Así mesmo, facilítase aos usuarios a bibliografía esencial para o estudo das cantigas de romaría e fornécense ligazóns que vinculan cada autor á súa biografía e ao seu corpus na MedDb (www.cip.gal/meddb), a Base de Datos de Poesía Profana Galego-Portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.